noviembre 23, 2016

«As gramáticas galegas do século XIX»



Teresa López
«A literatura galega nas gramáticas do século XIX»

Estudos de lingüística galega, n.º 8, 2016

Estudos de lingüística galega | Universidade de Santiago de Compostela | Instituto da Lingua Galega | Servizo de Publicacións e Intercambio Científico | Santiago de Compostela | ESPAÑA


Extracto de páginas 148-151 de la publicación en PDF. Véanse las referencias en la publicación original. Las notas se incluyen al final del presente texto.




«Introducción

»Este traballo ten como obxectivo analizar a presenza da literatura galega nas gramáticas do século XIX, un asunto que apenas foi tratado nos diferentes estudos que abordaron a tradición gramatical, centrados principalmente na análise da descrición lingüística e do modelo de lingua que propoñen, aínda que si recibiu certa atención desde os estudos literarios, mais focada nas coleccións de textos que todas inclúen (Varela 2001, González-Millán 2003, Rábade 2004).

»Centrarémonos nas obras que compoñen a convencionalmente aceptada como tradición gramatical galega: o Compendio de gramática gallega-castellana de Francisco Mirás (1864), a Gramática gallega de Juan Antonio Saco Arce (1868), El habla gallega de Juan Cuveiro Piñol (1868) [NOTA 1] e os Elementos de gramática gallega de Marcial Valladares (1892) [NOTA 2]. Non consideraremos traballos gramaticais de concepción, alcance, características e condicións de difusión ben diferentes —os de Mariano Cubí y Soler (1861) e Manuel Rodríguez Rodríguez (1892-93; 1900)—, como tampouco nos deteremos noutras obras fundamentais para a fixación do estándar editadas nesta altura, os dicionarios (González Seoane 1992, Fernández Salgado 2000).

»Analizaremos a presenza da literatura —culta mais tamén popular— nas gramáticas, distinguindo entre o discurso sobre a literatura, as mencións a textos (e autores) e mais a utilización de citas textuais, e as coleccións de textos. Consideraremos tamén en que sección dos volumes se insiren estas referencias, se están integradas no discurso propiamente gramatical ou en seccións periféricas, así como a función que desempeñan, quer de modelo gramatical, quer de lexitimación das reivindicacións identitarias do Rexurdimento.



»As gramáticas do século XIX

»A pesar da súa condición desigual, as obras de Mirás, Saco Arce, Cuveiro e Valladares comparten algunhas características: foron concibidas e/ou publicáronse como obras exentas, están redixidas en español, e viron a luz nunha mesma década, a de 60 —coa excepción xa sinalada de Valladares—, conteñen unha sección de textos —fundamentalmente literarios— baixo diferentes denominacións e con distintos niveis de integración na obra, colocada de preferencia nas páxinas finais, ao tempo que teñen, todas, un certo “carácter miscelánico” (Freixeiro / Sánchez / Sanmartín 2005: 117).

»Porén, son obras de moi diferente condición, tal como indican os seus propios títulos. O Compendio de gramática gallego-castellana de Mirás aspira a coleccionar o esencial da gramática galega tendo sempre como referencia a castelá e, en realidade, “Quer sere unha gramática teórico-práctica do idioma galego” (Carballo Calero 1981: 96). El habla gallega de Cuveiro pretende compilar información do percurso histórico do galego, con especial atención ás súas orixes, como indica o seu subtítulo: Observaciones y datos sobre sus orígenes y vicisitudes. Os Elementos de gramática gallega de Valladares queren ser, aparentemente, unha síntese das principais regras gramaticais do galego. E só a Gramática gallega de Saco Arce surxe como unha gramática realmente homologábel ás dispoñíbeis para outras linguas, condición recoñecida polos seus contemporáneos (Valladares 1884: VIII; Valladares 1970 [1892]).

»Todo isto afectará á estrutura e á organización das obras, mesmo á extensión dedicada á descrición gramatical: máis da metade do volume de Cuveiro vai estar consagrado á compilación de textos —literarios, mais tamén documentais— e dous terzos do Compendio de Mirás son formados por material textual diverso.

»As gramáticas son diferentes entre si porque tamén obedecen a motivacións diversas. Mirás, consciente de dar a lume unha “obrita única en su género” (Mirás 1864: s.p.), constata como “muchos al oir hablar á un labriego no le pueden entender” e por iso “nos hemos determinalo a darlo [o Compendio] á luz á fin de que pueda comprenderse este idioma” (Mirás 1864: s.p.). Preside a súa tarefa unha finalidade de tipo práctico e claramente instrumental: resolver un problema de comunicación.

»Pola súa parte, Saco Arce e Cuveiro, que publican as súas obras no mesmo ano 1868, non agachan a finalidade patriótica que os move. Contribuír á rexeneración da patria e ao movemento intelectual de Galiza será o obxectivo de Cuveiro (1868: III-IV); entre tanto, Saco fará un discurso introdutorio de exaltación provincial e de defensa e dignificación da lingua (1868: V-VIII), aínda que tamén sinala razóns específicas de carácter práctico para publicar o volume: a promoción dos estudos filolóxicos, servir de apoio ao estudo do galego nas clases de diplomática e facilitar aos confesores estraños a comprensión da linguaxe dos campesiños.

»Á finalidade de “contribuir en algo […] al lustre y á la gloria de nuestra patria” apelará igualmente Valladares (1970 [1892]: 9), que tamén indica razóns pro domo sua —”justificar […] la no caprichosa escritura en nuestro Diccionario gallego-castellano de gran número de vocablos que personas de autoridad escriben en forma distinta de la en que seguimos escribiendo” (Valladares 1970 [1892]: 9)— e outras de utilidade: suplir a carencia “de reglas gramaticales que tiempo es aprendan los niños en las escuelas y se generalicen luego entre las clases todas” (Valladares 1970 [1892]: 9), ofrecendo unha obra accesíbel a todos os públicos.

»Os seus autores afrontan a redacción das obras desde unha formación ben diversa. Mirás é un pasante de latín (Martínez 2012) [NOTA 3]; Saco, un clérigo catedrático de latín no Instituto de Ourense; Cuveiro, un libreiro liberal; Valladares, un fidalgo licenciado en Dereito (Fernández Salgado 2005). E todos eles, escritores en lingua galega de maior ou menor talento e alcance. Todos, tamén, afrontaron o traballo lexicográfico en diferente medida, ben a través da colección de series léxicas en cadansúas gramáticas (Mirás, Saco, Cuveiro), ben desenvolvendo dicionarios en paralelo á redacción da gramática (Valladares) ou con posterioridade (Cuveiro) [NOTA 4]. E maioritariamente tamén prestaron atención á cultura popular compilando refráns, cantares, contos, incorporados en parte ás obras gramaticais (Saco, Cuveiro, Valladares), ou organizando coleccións específicas para a súa eventual publicación (Saco, Valladares). Uns intereses que se van pór de manifesto nas características das súas obras.

»As gramáticas van publicarse —de novo exceptuando a de Valladares— entre os anos 1840 e 1879, no período “de eclosión”, de “notable acumulación de erudición e reflexión lingüísticas, síntoma e á vez manifestación dunha notable mutación na consciencia lingüística dun sector importante da intelligentsia galeguista” (Monteagudo 1999: 343). E surxen pasados dez anos da publicación d’A Gaita Gallega de Pintos (1853) —impulso primeiro dos Elementos de Valladares, de crermos ao seu autor—, e na década que comeza coa celebración dos Xogos Florais na Coruña e en Pontevedra (1861), en que se edita o Álbum de la Caridad (1862) e Cantares Gallegos(1863), en que se inicia a publicación do Diccionario de escritores de Murguía (1862), en que se imprime o Diccionario gallego-castellano de Francisco J. Rodríguez (1863) e en que van ver a luz os primeiros tomos das Historias de Galicia de Benito Vicetto e de Manuel Murguía (1865). Un período en que a toma de consciencia lingüística está estreitamente vinculada coa reflexión sobre as características identitarias de Galiza e coa vontade de dignificación da imaxe de Galiza e do pobo galego, a través da construción dunha literatura propia que require un modelo de lingua apto para a expresión escrita. As gramáticas van ser un espazo privilexiado para a confluencia de todos estes elementos.

»A partir da década de 50 o discurso sobre a lingua fora adquirindo un protagonismo crecente e os medios polos que van circular as ideas arredor do galego van ir diversificándose. Artigos publicados na prensa xeral ou cultural —de preferencia na vinculada ao provincialismo—, mais tamén obras historiográficas, ensaísticas, de divulgación xeral, a propia produción literaria, os paratextos que a acompañan etc. serán vehículo para a difusión de ideas sobre a lingua —e, secundariamente, sobre a literatura—, un elemento transversal en moitas das obras que, dunha ou doutra forma, pretenden contribuír á articulación dunha imaxe (proto) nacional de Galiza.

»A constatación do carácter de trazo identitario esencial do galego (sexa cualificado de dialecto, lingua ou idioma) irá seguida da exaltación como tal e da reclamación do seu estudo e mais da insistencia na necesidade de fixar unha norma (unificada) para a súa utilización escrita, especialmente na literatura e máis concretamente na poesía. Os textos gramaticais surxirán para dar unha resposta de tipo práctico a esta demanda, mais tamén para articular un discurso científico e/ou didáctico sobre o galego e para completar ou reforzar as ideas sobre a lingua postas en circulación en escritos doutro teor; ao mesmo tempo, a súa existencia ten sentido en si mesma.

»A ausencia de gramáticas e dicionarios vai ser subliñada por Manuel Murguía na Historia de Galicia que, máis aló da súa utilidade como incentivo para o uso do galego como lingua escrita, vai notar a súa necesidade como un elemento preciso para afirmar a identidade cultural:

»Los adelantos de las ciencias históricas, son bien escasos entre nosotros. ¡Carecemos de un Diccionario y de una Gramática gallega! y la bibliografía de Galicia, será mas conocida á lo adelante, gracias á los esfuerzos (nos vemos con sentimiento obligados á decirlo) que hacemos, publicando el Diccionario de escritores gallegos (Murguía 1865: VIII).


»O balance das achegas literarias de mérito das últimas décadas serviralle, máis adiante, para marcar que “tales trabajos deben encomendarse a personas realmente competentes” [NOTA 5] e para propor o seu patrocinio por parte das deputacións provinciais (Murguía 1865: 294, n. 1).

»Mais as gramáticas que van publicarse logo desta data só en parte responden ao baleiro sinalado por Murguía —e antes por Rosalía no prólogo a Cantares Gallegos— pois, se ben a descrición e a prescrición gramaticais van ocupar un espazo relevante nelas, non van ser os seus únicos elementos e, por veces, tampouco os centrais. A gramática funcionaría tamén como libro nacional, nun sentido similar ao que González-Millán (2001: 22) sinalou para o dicionario: nun momento en que comeza a articularse a conciencia nacional galega e sen a posibilidade de desenvolver unha política autónoma, a monumentalización da cultura nacional que se produce noutros espazos nacionais pola vía material —coa creación de museos e panteóns— vai ter no caso galego unha dimensión principalmente simbólica, con relevancia case exclusiva das actuacións no ámbito lingüístico e do discurso literario.

»Desta forma, a elaboración da gramática supón, en si mesma, un acto de reafirmación fundamental, e a configuración da norma lingüística irá acompañada de dispares elementos da cultura nacional (singularmente da literatura, do folclore e, en moi menor medida, da historia ou da xeografía). Así, a existencia da gramática ten unha moi relevante dimensión simbólica e a súa función vai alén da teorización ou da descrición lingüística, ao confluíren nela discursos que van articular unha imaxe (proto)nacional da sociedade galega do século XIX. De aí o carácter híbrido que, en diferente rango, todas elas manifestan. E de aí a presenza das coleccións de textos literarios en todas elas.



»O discurso sobre a literatura

»Anne M. Thiesse sinala como no proceso de construción das linguas nacionais, cando se trata de instaurar unha lingua escrita morta e desacreditada, se tenta “simultaneamente, conciliar o regresso às fontes prestigiantes da língua e a revitalização lingüística baseando-se num dialecto vivo” (2000: 75).

»Este procedemento está tamén presente en procesos como o Rexurdimento galego, que pretenden habilitar unha lingua para a expresión literaria. Existe consenso (González Seoane 1992, Mariño 1998, Monteagudo 1999) en destacar a base popular das propostas gramaticais do XIX, que acoden fundamentalmente á lingua oral como base para a descrición gramatical, perante a escaseza (ou a falta de coñecemento) desas fontes prestixiantes fixadas e transmitidas por escrito (unha tradición literaria culta, singularmente) que impide que poidan funcionar como modelos.

»Mais para alén desa eventual función modelar no plano gramatical, a existencia dunha tradición literaria culta, independentemente da maior ou menor accesibilidade dos textos que a constitúan —e das dimensións do corpus textual— pode estar presente no discurso de lexitimación da lingua e da propia necesidade da súa fixación gramatical ou pode funcionar de forma complementar, incorporando ideas sobre a propia identidade (proto)nacional a través da lectura en chave identitaria dos textos e dos xéneros literarios, contribuíndo aos procesos de canonización, realizando un discurso historiográfico ao fío da cronoloxía das obras literarias. Este discurso colocarase de preferencia na periferia da descrición propiamente gramatical, en prólogos, introducións e apéndices.

»Cuestión diferente é o discurso sobre a literatura popular —fundamentalmente sobre a poesía popular— e as funcións que desempeña, vinculadas tanto á súa lexitimación como modelo lingüístico como a fixar o seu carácter esencial na cultura nacional. [...]»

[NOTAS]

«[NOTA 1] Reimpresa en 1876 coa edición do seu Diccionario (Cuveiro 1876a).

»[NOTA 2] A obra de Marcial Valladares tivo un proceso de elaboración e de difusión ben diferente: de acreditarmos nas palabras do seu autor, comeza a redixirse en 1855 e conclúese en 1892. Non será publicada até 1970, pola Editorial Galaxia e co carimbo da Fundación Penzol.

»[NOTA 3] Autor dos Elementos de análisis gramática latina (1848), tradución e refacción dunha obra portuguesa de Pimenta, editados pola Viúva de Compañel e Hijos (Fernández Salgado / Fernández Salgado 2002: 141).

»[NOTA 4] Pola súa parte, Saco renuncia a afrontar esta tarefa, como sinala en carta a Murguía (Barreiro e Axeitos 2003: 89).

»[NOTA 5] Unha afirmación que leva implícita a desautorización dos traballos deste teor xa publicados, o Diccionario de Rodríguez (1863) e o Compendio de Mirás (1864).»





No hay comentarios:

Publicar un comentario