abril 22, 2016

«Unha aproximación á pragmática textual en Soldados de Salamina (2001), de Javier Cercas»



María Teresa Bermúdez Montes
«Unha aproximación á pragmática textual en Soldados de Salamina (2001), de Javier Cercas»

Revista de Investigación en Educación, n.º 8 (2010)

Revista de Investigación en Educación | Universidad de Vigo | Facultad de Ciencias de la Educación y del Deporte | Pontevedra | ESPAÑA

Extracto de páginas 118-119 y 125-126 de la edición del artículo en PDF. Véanse referencias en la publicación original.

Licencia Creative Commons.



Con relación a Soldados de Salamina merecen especial atención as accións ilocutivas e, fundamentalmente, perlocutivas. A través da súa pluralidade de discursos, intertextualidade e polifonía, o discurso narrativo de Soldados de Salamina procura un perfil de lector activo, capaz de asumir o movemento textual, de seguir o xogo metaficcional e, en definitiva, de levar adiante o exercicio mental que demanda a súa lectura. Neste sentido, participa das características das novelas testemuñais ou autobiográficas, «que incitan o lector á comprobación das súas referencias, movéndoos a rastrexar as relacións paratextuais, intertextuais ou contextuais que establece a edición dun texto narrativo».

A novela ten como característica fundamental a metaficción, na medida en que se estrutura grazas a un xogo coa ficcionalidade e coa referencialidade real, no marco do pacto de lectura. Defínese claramente como novela, pero pretende acuñar unha nova etiqueta que poña de manifesto o alto grao de realismo e de referencialidade que acolle. Así, reivindica para a obra a consideración de «relato real».

Como elemento dirixido a establecer unha relación comunicativa entre emisor e receptor a través da obra literaria, cumprirá referirse ao paratexto, isto é, a aqueles elementos que enmarcan a obra literaria sen formar parte dela stricto sensu (prólogos, lapelas, portada, título, dedicatorias, epígrafes, extractos ou reseñas reproducidas no volume, por exemplo). Teranse en conta tanto o peritexto (os elementos que forman parte do libro como obxecto que vimos de nomear), como o epitexto: as entrevistas, críticas, estudos sobre o autor (Javier Cercas) e a obra (Soldados de Salamina), a lectura doutras obras do autor, así como as súas conexións coa obra doutros escritores anteriores ou contemporáneos, con algún movemento literario e as influencias artísticas.

En Soldados de Salamina resulta propositadamente intenso e relevante o establecemento de relacións entre a realidade textual e a realidade extratextual na que se produce. Pode considerarse que a novela é froito dun estado de opinión de amplo alcance social: a idea de que é necesario revisar a historia recente –concretamente, a etapa da guerra civil e o franquismo– desde a distancia e, sobre todo, desde un posicionamento ético firme e afincado nos valores democráticos; e, por outro lado, a idea de que xa é hora de facer xustiza aos «perdedores» da contenda civil do 36, aínda ata non hai moito silenciados e esquecidos tras a tabula rasa que supuxo, na opinión dalgúns, a transición democrática.

Ademais, no contexto da sociedade actual, desempeña unha función perlocutiva polo valor de transmisión deses valores, de difusión desas ideas no conxunto da sociedade española. Así, as raíces tanto da xénese da obra como dos efectos que a súa lectura provoca socialmente –en función do seu valor pragmático (perlocutivo)– están na historia contemporánea e na nosa actualidade. A publicación desta obra e a estrea do seu correlato cinematográfico son anteriores nuns anos á recente Ley de Memoria Histórica (52/2007, do 26 de decembro). Contodo, non é difícil detectar a filosofía común que subxace, o posicionamento perante os feitos que provocaron a caída dun estado democrático e a instauración dunha ditadura. En todo caso, existe un estado de opinión como base común entre ambas, unha vez salvadas as distancias entre un texto lexislativo e unha obra narrativa de ficción como Soldados de Salamina.

A clasificación do texto como obra literaria, como obra de ficción e, finalmente, como novela, establecerase no marco da pragmática textual. Neste sentido, é o pacto de lectura o que marca o estatuto xenérico proposto pola obra. Así, a recepción dun texto como novela dáse porque se establece un pacto novelesco (contrato de ficción), aínda que un dos trazos fundamentais de Soldados de Salamina é o xogo nos límites da ficción e a referencialidade.

Efectivamente, xógase coa identificación entre autor e narrador-protagonista (ao que se dá o mesmo nome —«Javier Cercas»— , que tería publicado contos e novelas de igual título que as efectivamente producidas na realidade, as publicadas polo Cercas-persoa real), propia da literatura de non-ficción.

«—Oye, ¿tú no serás el Javier Cercas de El móvil y El inquilino?».

A caracterización do narrador-protagonista como escritor que está a traballar nunha novela constitúe un dos fundamentos da metaficcionalidade da novela. En todo caso, cómpre ter presente o feito de que a distinción entre a figura do «autor» (cidadán real) e «narrador» (categoría textual nunha ficción narrativa) define a literatura de ficción. [...]

Soldados de Salamina é unha metaficción que se serve da «aplicación das técnicas da microhistoria» ou, dito doutro modo, unha metaficción historiográfica, como indicou moi acertadamente Lluch, enmarcada na novela posmoderna e moi debedora da intertextualidade.

Así mesmo, tentamos poñer de manifesto ao longo do presente traballo a tensión (non exenta de ironía) entre ficción e realidade referencial, así como a presenza destacada na novela da intención testemuñal e o compromiso coa memoria histórica, individual e colectiva.

Destacamos tamén a idea do poder actualizador e revitalizador da arte, neste caso da obra literaria.




No hay comentarios:

Publicar un comentario